Novas

23.11.2021
A Xunta aposta pola dixitalización do rural para asegurar o asentamento poboacional e mellorar o mercado laboral
A Xunta aposta pola dixitalización do rural para asegurar o asentamento poboacional e mellorar o mercado laboral
Inés Santé incidiu en que é preciso orientar a inversión público-privada para mellorar a infraestrutura física, a virtual e os servizos que se ofertan no rural, ademais de adecuar a lexislación actual como coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Destacou que as aldeas modelo axústanse ao concepto de Smart Villages que promove a Unión Europea, estando xa declaradas 14 en Galicia

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre a dixitalización do entorno rural para evitar a despoboación, no marco da Mobile Week de Ourense. Alí, puxo en valor a clara aposta da Xunta pola dixitalización do rural galego para asegurar o asentamento poboacional e mellorar o mercado laboral, co fin de reducir a brecha que poida haber respecto das cidades.

Así, a directora xeral salientou que a dixitalización ataca a unha das principais debilidades do rural, ao mellorar a comunicación e darlle unha vantaxe competitiva ao rural respecto das zonas urbanas. Neste senso, salientou que a Xunta preocupouse por mellorar a lexislación e facer viables proxectos no rural.

Neste liña, Inés Santé explicou que Galicia vai un paso adiante coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e a súa aposta polas aldeas modelo, que se axustan perfectamente ao concepto de Smart Villages que están a impulsar desde Europa. Así, na actualidade, Galicia conta xa con 14 aldeas declaradas e máis de 60 solicitudes que se están analizando. “Cando a unha persoa lle das a liberdade de poder elixir onde vivir, a sociedade -na súa maioría- elixe as zonas rurais”, matizou a directora. Por iso, engadiu, é fundamental orientar a inversión público-privada a mellorar a infraestrutura física, a virtual e os servizos.

Ademais, a directora xeral tamén puxo en valor os proxectos que nacen ao redor das aldeas modelo, como o impulsor da aldea modelo de Trascastro (no concello do Incio), que emprega o IoT para analizar o comportamento animal. Un claro exemplo de que o campo ofrece a posibilidade de innovar e de aplicar as melloras tecnolóxicas en calquera eido produtivo.

Estas iniciativas enmárcanse na Estratexia Galicia Dixital 2030 que aposta no seu cuarto eixo por impulsar o proxecto territorio intelixente, que grazas a un uso intensivo das tecnoloxías permita mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional, tanto na definición das políticas públicas, como da vixilancia territorial e do desenvolvemento das estratexias de sustentabilidade ambiental.