Novas

21.03.2021
A Xunta avanza na creación dun polígono agrario que permitiría duplicar a superficie dedicada á produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes
A Xunta avanza na creación dun polígono agrario que permitiría duplicar a superficie dedicada á produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes
Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuníronse con sidreiros da Estrada. Este instrumento de mobilización -proxectado nunhas 100 hectáreas de Cerdedo-Cotobade- contribuiría a que o sector da bisbarra supere o millón e medio de quilos de mazá de sidra que se producen na Estrada cada ano. Na actualidade, estase a concretar o perímetro e procedendo a identificar a todos os propietarios dos predios para culminar a execución da figura

A Xunta avanza na creación dun polígono agrario que permitiría duplicar a superficie dedicada á produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así, actualmente estase a concretar o perímetro da figura -proxectada nunhas 100 hectáreas do concello de Cerdedo-Cotobade- e procedendo a identificar a todos os propietarios dos predios para culminar a súa execución.

Os progresos trasladáronse na reunión que mantiveron esta semana o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, con representantes da Asociación de Sidreiros da Estrada.

Na actualidade, A Estrada recolle arredor dun millón e medio de quilos de mazá de sidra cada ano en ata 100 hectáreas de superficie. Co novo polígono agrario, a extensión para a plantación de maceiras na comarca incrementaríase aproximadamente noutras 100 hectáreas, á espera de pechar definitivamente a figura. Respóndese así á demanda de base territorial por parte dos produtores de mazá de sidra e das cinco sidrerías asentadas na bisbarra.

Os representantes da Consellería do Medio Rural puxeron de relevo que toda a comarca de Tabeirós-Terra de Montes reúne unhas condicións agronómicas idóneas para estas árbores froiteiras. Así mesmo, destacaron que a mobilización de terras para aumentar a produción de mazá de sidra permitirá dar resposta a unha demanda crecente do mercado.

Ante os representantes da Asociación de Sidreiros da Estrada, os directores xerais engadiron que a estratexia de mobilización adquirirá unha nova dimensión coa futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria. Así, a maiores dos polígonos agroforestais, promoveranse instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos cortalume ou as agrupacións de xestión conxunta, para proporcionar base territorial a quen a precise e xerar riqueza no rural, contribuíndo á fixación de poboación e á anticipación aos incendios forestais.