Novas

16.06.2021
A Xunta enxalza a tecnoloxía e a dixitalización como pezas clave no futuro do medio rural galego
A Xunta enxalza a tecnoloxía e a dixitalización como pezas clave no futuro do medio rural galego
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou nunha ponencia sobre o emprego da tecnoloxía como un instrumento de competitividade no agro. Inés Santé puxo en valor varios proxectos tecnolóxicos que desenvolve a Consellería do Medio Rural en canto á ordenación e xestión do territorio. Salientou que o Sistema de Información de Terras de Galicia (Sitegal), que xestiona as parcelas existentes no Banco de Terras, centralizará as bases de datos, sistemas de información e rexistros da Consellería que xestionan información xeográfica. Abordou tamén o uso das novas tecnoloxías para desenvolver proxectos que optan aos fondos Next Generation, tales como as Smart Villages ou a dixitalización 4.0 do rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá en Barakaldo na ponencia “A tecnoloxía, un instrumento de competitividade para as rexións FoodTech”, no marco da primeira edición de Food 4 Future – Expofoodtech 2021. Alí, a directora xeral destacou o peso que teñen a tecnoloxía e a dixitalización no futuro do medio rural, xunto coa sustentabilidade e a transición ecolóxica.

Neste senso, Inés Santé puxo en valor varios proxectos tecnolóxicos que desenvolve a Consellería do Medio Rural en canto á ordenación e xestión do territorio. Así, salientou o Sistema de Información de Terras de Galicia (Sitegal) que permite xestionar o Banco de Terras e que consta dunha parte pública para que calquera usuario poida consultar as parcelas incluídas neste banco, saber das características das mesmas e o seu estado actual. Ademais, dito sistema tamén consta dunha parte privada para a xestión por parte dos técnicos da Consellería, co fin de dar de alta ou de baixa as parcelas existentes e, incluso, xerar os correspondentes contratos de arrendemanto.

Deste xeito, a directora xeral salientou a eficacia da tecnoloxía para amoldar as necesidades e demandas dos diferentes sectores produtivos en xeral e, dos cidadáns, en particular. Precisamente, Inés Santé trasladou que na actualidade se está traballando para converter o Sitegal nun sistema máis amplo, capaz de centralizar todas as bases de datos, sistemas de información e rexistros da Consellería do Medio Rural que xestionan información cun compoñente xeográfico. Ademais, tamén será a ferramenta encargada de xestionar os novos instrumentos de mobilización de terras regulados na nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, entre eles os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta.

A maiores, Inés Santé tamén explicou que se está desenvolvendo outro sistema de información xeográfica para a participación pública, como suplemento ao Sitegal, que consiste nunha aplicación para os dispositivos móbiles co fin de que as persoas participantes nos diversos procesos de participación pública poidan deseñar de forma sinxela a zona ocupada dun posible polígono ou aldea modelo e así saber os usos do solo, as parcelas que se incluirían, a pendente do territorio, entre outros aspectos.

 

Proxectos Next Generation

Durante a súa intervención, a directora xeral tamén abordou o uso das novas tecnoloxías para desenvolver dous proxectos que optan aos fondos Next Generation. Neste senso, destacou as Smart Villages ou aldeas intelixentes impulsadas pola Comunidade Europea e que en Galicia se puxo xa en marcha coas coñecidas aldeas modelo.

Así, Inés Santé explicou aos asistentes a boa acollida destas figuras de mobilización e recuperación de terras, que servirá de base para a creación dunha rede de Smart Villages nas que, ademais de recuperar a actividade agraria do entorno e reducir o risco de incendios forestais, se implantarán solucións innovadoras e tecnolóxicas co fin último de mellorar a calidade de vida e a cohesión territorial nas áreas rurais galegas.

Nesta liña, e a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, dotarase ás aldeas modelo xa existentes de novas características propias desta figura europea dentro dos plans de dinamización do núcleo rural para o que se deseñará un catálogo de estratexias que recolla prácticas agrícolas innovadoras e sustentables, sistemas alimentarios locais e canais cortos de comercialización, o deseño de modelos de negocio locais, eficiencia enerxética para a rehabilitación de edificacións rurais, entre outros moitos aspectos.

Por último, a directora xeral abordou a dixitalización do rural, baixo o proxecto Rural Dixital 4.0, que contempla o desenvolvemento de infraestruturas, aplicacións, ferramentas e sistemas baseados nas TICs e nas novas tecnoloxías, co fin de alcanzar un territorio intelixente.