Novas

12.02.2022
A Xunta informa aos veciños das Neves das vantaxes de implementar unha aldea modelo na Porteliña ao abeiro da Lei de recuperación da terra
A Xunta informa aos veciños das Neves das vantaxes de implementar unha aldea modelo na Porteliña ao abeiro da Lei de recuperación da terra
O subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo un encontro con veciños desta localidade pontevedresa. Segundo a solicitude do Concello, a aldea modelo -que se situaría na parroquia de Rubiós- abranguería unha superficie de 35 hectáreas distribuídas nunhas 819 parcelas duns 359 propietarios. A xuntanza buscaba informar a estes titulares das posibilidades de dinamización social e económica que ofrece este instrumento voluntario de recuperación, antes de recoller as sinaturas requiridas para súa posta en marcha

A Xunta anima aos veciños do lugar da Porteliña, na parroquia de Rubiós do concello pontevedrés das Neves, a apostar pola implementación dunha aldea modelo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, mantivo un encontro con parte dos 359 propietarios que estarían implicados na aldea modelo solicitada polo consistorio, que abranguería un total de 35 hectáreas distribuídas nunhas 819 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo da Porteliña, nas Neves. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70% do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.