Novas

24.03.2021
A Xunta inviste 1,3 millóns de euros na parcelaria de Couso, en Coristanco, que hoxe se deu por finalizada coa entrega de case 800 títulos de propiedade
A Xunta inviste 1,3 millóns de euros na parcelaria de Couso, en Coristanco
O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural presidiron a entrega dos títulos aos 245 propietarios beneficiados deste proceso. Decretaranse proximamente dúas novas parcelarias e véñense de poñer a exposición pública o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos, un deles no concello coruñés de Ordes. O conselleiro anunciou que nos vindeiros meses entregaranse os títulos doutras seis zonas, beneficiando a case 1.750 veciños galegos. Noutra orde de cousas, o conselleiro avanzou que se está estudando a delimitación dos perímetros que conformarían o polígono agrario para o cultivo da pataca de Coristanco

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde, Juan Carlos García, presidiu esta mañá a entrega de 793 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Couso, no concello coruñés de Coristanco. Así, dáse por finalizado un proceso que afecta unha superficie de case 460 hectáreas e que permitiu reorganizar o territorio para beneficiar a 245 propietarios.

Neste senso, o conselleiro sinalou que nesta parcelaria investíronse algo máis de 1,3 millóns de euros e conseguiuse pasar de 3.171 parcelas iniciais a 793 fincas. “A superficie media das parcelas multiplicouse por catro”, matizou o titular de Medio Rural, o que demostra que as parcelarias son unha ferramenta moi útil para reorganizar a estrutura da propiedade e aumentar a base territorial das explotacións da zona.

Así, o conselleiro sinalou que nas últimas semanas xa se entregaron os títulos noutras dúas zonas dos concellos de Riotorto e Touro e que, nos vindeiros meses, entregaranse máis de 3.700 títulos de propiedade doutras seis parcelarias, beneficiando a 1.750 veciños galegos. Nesta liña, José González sinalou que o Goberno galego destina para este ano 2021 máis de 12 millóns de euros nesta materia, co fin de seguir traballando nos 96 procesos que a día de hoxe están abertos en Galicia.

 

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parc...). Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

 

Novas reestruturacións

Ademais, o titular de Medio Rural afirmou que coa finalización deste proceso a Xunta decretará unha nova reestruturación parcelaria por cada parcelaria rematada. Así, José González avanzou que a Consellería ten previsto decretar proximamente dúas novas parcelarias e, lembrou, que se acaba de poñer a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación de novos procesos en Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei; en Seoane da Pregación, no tamén lucense municipio de Friol; e en Poulo, na localidade coruñesa de Ordes.

Estas novas reestruturacións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Pero, ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -arestora en tramitación no Parlamento galego- seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

 

Polígono agrario

Noutra orde de cousas, o conselleiro sinalou que neste concello estase a estudar a delimitación dos perímetros que conformarían o polígono agrario para o cultivo de pataca. Neste senso, o conselleiro sinalou que hai unha actividade que ten moito valor engadido ao tratarse da pataca de Coristanco, polo que será unha garantía poñer en marcha este polígono para que a xente poida desenvolver a súa actividade agrícola con rendibilidade.

Ademais, salientou, tamén se traballa na posta en marcha dun plan estratéxico da pataca de Coristanco, centrándose no ámbito da promoción e avaliando o xeito de incidir na transformación deste produto para obter un valor engadido en todo o seu ciclo de produción.