Fisterra

No extremo noroccidental de Galicia existe unha comarca cuxa denominación non obedece, como é habitual, nin ao nome do principal centro urbano nin a un factor de denominación histórica, senón á existencia dun enclave emblemático que constitúe unha referencia territorial en Galicia: Finis Terrae, Fisterra.

Esta comarca está formada por un conxunto de terras baixas que, en forma de abano e en pé das serras litorais, rodean o golfo que se estende entre a punta de Fisterra e Lira (Punta dos Remedios).O marco natural resulta espectacular, e nel as grandes montañas de granito rosado e de formas caprichosas, produto da erosión, deron lugar a múltiples contos e tradicións. Do mesmo modo o Monte Pindo lembra outros mundos culturais. Este escenario natural aberto polo oeste ao Atlántico está organizado funcionalmente arredor dunha cabeceira comarcal dobre, formada pola conurbación de Cee –centro económico e administrativo- e Corcubión –belo centro de partido xudicial-. A economía é variada (pesca, agroforestal, industrial) e, complétase co traballo na mariña mercante; a emigración foi intensa, e o turismo é aínda un recurso incipiente dadas as súas posibilidades. Cinco municipios (339 km2 e preto de 23.000 habitantes) forman esta comarca de nome tan evocador como atractiva imaxe.

Comarca de Fisterra en Galicia
Concellos da Comarca de Fisterra