Ordes

A actual comarca de Ordes (sete municipios, 753 km2 e máis de 38.000 habitantes) é unha das máis extensas. Corresponde a un partido xudicial ao que se lle deu esa denominación en 1834. Estaba, na súa orixe, formada por oito municipios, e no momento da súa constitución non existía unha cabeceira comarcal. A sede quedou asentada en Poulo, unha pequena aldea mercado situada no Camiño Real de peregrinación. A construción das novas vías de comunicación cambiaron a accesibilidade do territorio, de tal modo que desde entón, no cruzamento principal das estradas que atravesan a comarca, consolidouse un novo centro comercial e de mercado: a actual vila de Ordes (como industria téxtil).

Desde o punto de vista xeográfico, a comarca de Ordes corresponde a terras amesetadas, con fértis chans, por onde discorren os principais afluentes que pola dereita levan as súas augas ao río Tambre, e que historicamente se identifican coa terra de Trastámara, denominación que facía referencia á situación das mesmas ao outro lado do río. Co tempo, Ordes consolidouse como centro económico e funcional da comarca, aínda que os municipios periféricos teñen importantes vinculacións funcionais e socioeconómicas coas cidades próximas e con outras comarcas veciñas. Así ocorre co municipio de Cerceda, que comparte a súa pertenza á comarca coa dependencia que ten coa capital da provincia, e mesmo algunhas das súas parroquias se orientan para a comarca de Bergantiños. Así mesmo, os municipios meridionais máis próximos a Santiago de Compostela, como Oroso e Trazo relaciónanse cada vez máis coa capital autonómica. É, polo demais, unha rica comarca gandeira, con grandes explotacións de vacún e forestais, ás que a industria (termoeléctrica, téxtil, agroindustrial) e o comercio maiorista engaden actividade e dinamismo.

Comarca de Ordes en Galicia
Concellos da Comarca de Ordes