Terra de Soneira

É esta outra comarca pequena (tres municipios e 372 km2 con preto de 19.000 habitantes) que corresponde a unha importante xurisdición histórica, da que toma o seu nome. Esta xurisdición tiña o seu centro en Vimianzo –o seu castelo é testemuña do seu anterior poder señorial- e estendíase polo ancho val do río Grande, ademáis de ampliarse no seu tramo medio para a ría de Camariñas. Esta ría aberta ao océano entre o cabo Vilán e a península de Muxía, é un dos lugares emblemáticos da Galicia marítima e dos máis representativos da chamada Costa da Morte, onde o mar roxe permanentemente fronte a impoñentes acantilados. As súas principais poboacións son tres: Camariñas, de recoñecidos pero aínda non ben potenciados encaixes, Muxía, na súa bela e aguerrida península onde está a Virxe da Barca, outro dos lugares míticos de Galicia; e –ademais deses dous activos portos de pescadores- a Ponte do Porto, vila-ponte situada no vértice da ría, onde desemboca o río Grande. Un triángulo de fermoso perímetro que atesoura espazos naturais, praias, monumentos e paisaxes merecedores dunha maior protección, e que culminan no tramo de costa de Cabo Tosto, necesitado da súa declaración como parque natural.

Desde o punto de vista funcional, a comarca ten unha débil cohesión porque non existe ningún centro urbano de orde superior aos demais, xa que Vimianzo exerce só unha atracción parcial, e cada capital municipal organiza unha área autónoma, onde as relacións económicas indirectas se dirixen para centros extracomarcais (Cee, principalmente).

A vida na comarca estivo marcada pola emigración. Hoxe xa estabilizada, céntrase na pesca, a madeira e a gandería, aos que o turismo cultural pode achegar novas oportunidades.

Comarca de Terra de Soneira en Galicia
Concellos da Comarca Terra de Soneira